Sunday 05 de May de 2024

A Coruña recibirá a unhas 200 persoas participantes da Ruta Quetzal


A expedición do 2023, baixo o lema ‘Cara á luz do fin do mundo’, terá como punto final a Torre de Hércules

Os mitos do faro, a Celebración Picasso ou a historia da Real Expedición Filantrópica da Vacina da Varíola son algúns dos atractivos que poderán coñecer durante a súa estancia na Coruña

A Coruña pon o punto final a unha nova edición da Ruta Quetzal. A expedición, que este 2023 ten como eixo central o finis terrae co lema ‘Cara á luz do fin do mundo’, congrega a unhas 200 persoas procedentes de distintos lugares de España que durante dúas semanas percorreron o norte de Portugal e a Costa da Morte galega para chegar ata a cidade herculina da Coruña.
Este mércores, 12 de xullo, a expedición alcanzará a Torre de Hércules, o faro romano máis antigo do mundo en funcionamento e Patrimonio Mundial desde o 2009. O símbolo da Coruña formará parte tamén da Ruta Quetzal, aparecendo nas camisetas das persoas participantes desta edición cunha imaxe da Torre romana, unha da medieval e outra da actual.
Dous días para descubrir A Coruña
Durante a súa estancia na Coruña, o equipo da Ruta Quetzal poderá descubrir os mitos e lendas e o interior da Torre de Hércules, pasando pola súa escavación arqueolóxica e subindo os 234 chanzos que lles levarán ao balcón do faro, desde o que verán parte da cidade herculina e terán unhas vistas espectaculares do océano Atlántico.
Antes, o grupo poderá coñecer algúns dos museos científicos máis importantes da cidade, como a Domus, o primeiro museo interactivo do mundo dedicado integramente ao ser humano, ou o Aquarium Finisterrae, con catro salas de exposicións de educación ambiental e divulgación científica de temas mariños.
Ademais, as e os expedicionarios poderán coñecer a historia da cidade, antiga Brigantium, e algunhas das súas curiosidades, como a etapa coruñesa do pintor Pablo Picasso, recoñecido mundialmente e quen empezou a súa carreira na Coruña. Este ano, a cidade súmase á Celebración Picasso con motivo do 50 aniversario do seu falecemento. A Torre de Hércules foi precisamente unha das paisaxes que inspiraron ao artista e unha das paradas do roteiro picassiano da cidade, que lles levará tamén pola súa Casa Museo ou polo instituto onde comezou a pintar.
As e os integrantes da Ruta Quetzal poderán tamén coñecer durante a súa visita á Coruña a Real Expedición Filantrópica, que partiu en 1803 do porto coruñés para levar a Filipinas, China, Cantón e Macao a vacina da varíola e da cal este ano se conmemora o 220 aniversario.
Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o terceiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Normalización Lingüística e Memoria Histórica Gonzalo Castro, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.